Historia

O grupo Xorima, constituído en Vilalba en 1981 por cinco mozos vilalbeses, creou ao longo dos seguintes oito anos un dos sons máis recoñecibles da primeira xeira do folk galego, materializado no seu único disco, Xorima, editado en 1985. Malia que os temas que compoñen este disco son aínda hoxe, recoñecibles para o público, en grande medida porque constituíron unha parte esencial da banda sonora do país nos anos 80 e 90 (como sintonías de programas de televisión, fondos de anuncios na radio, etc.) pouca xente coñece a traxectoria deste grupo, pioneiro en moitos aspectos, entre os que non é o menos significativo a internacionalización da nosa música, da man das sucesivas participacións de Xorima no Festival Intercéltico de Lorient, nas que acadou un éxito significativo.

Ao longo da súa traxectoria, Xorima percorreu toda a xeografía galega, participando nos máis importantes festivais da época e atraendo un numeroso público fascinado pola súa novidosa proposta musical. En todo este tempo foron dez os músicos que pasaron plo grupo. Algúns deles formaron parte posteriormente doutras bandas icónicas como Fía na Roca ou Berrogüetto.

Membros da primeira formación

Morón

Gaita galega, frauta traveseira, tin whistle, punteiro, bombarda.

Xosé Ramón

Piano, acordeón, teclados, sintetizador, bouzouki.

Pernas

Tamboril, pandeiro, bombo, caixa, bodhram, birimbao.

Lalo

Gaita galega, frautas de pico, tin whistle, punteiro, bombarda, ocarina, bouzouki.

Queno

Guitarra acústica.

Membros posteriores

Quim Farinha

Violín, mandolina, zanfona.

Xabier Bueno

Gaita galega, saxo tenor, frautas de pico.

Siobhán Ní Chaoimh

Frauta traveseira irlandesa, tin whistle.

Máire Ní Chaoimh

Violín.

Chus Bello

Guitarra acústica, guitarra eléctrica, boukouzi, zanfona.

Discografía

Xorima publicou un único disco no ano 1985, a través da discográfica EDIGAL, gravado nos estudios SONOLAND (Madrid). O disco contén temas como "A Cova da Serpe" ou "Feira de Santos", pezas que hoxe en día son lembradas e versionadas por agrupacións e bandas de folk e música tradicional. A portada é unha obra orixinal do artista Santiago Catalán. Podes escoitalo aquí.

Este sitio web utiliza cookies, podes ver a nosa pólitica de cookies aquí. Se continúas navegando estás aceptado o seu uso.