«O Auditorio de Vilaba foi, no serán do pasado 19 de marzo, un contedor de nostalxia, unha especie de máquina do tempo pilotada por un piano, baixo, guitarra, violín gaita, frautas e percusión. Tórnase difícil, para os afortunados que puideron pechar os ollos en directo e volver a aqueles anos oitenta nos que fomos mozos e ousados, describir o rego de sensacións vividas ao son dunha música que xa é patrimonio de todos.
Xorima, Feira de Santos, O gaiteiro avergoñado, Compañeiros, A Cova da Serpe, Muiñeira-Xiga e o inédito Pasacorredoiras de Vilaba, ofreceron ao público que encheu o patio de butacas unha morea de sensacións. Houbo algo no ambiente difícil de explicar, unha estraña brétema formada pola mestura dunhas notas gravadas na memoria de todos, e máis a saudade por un tempo que se foi, pero que deixou en todos nós unha pegada que é imborrable.
Xosé Ramón, Queno, Pernas e Lalo, apoiados por Quim Farinha e Carlos Currás Bobé, tiveron a culpa deste andazo que contaxiou a un público entregado de antemán. Cada compás foi unha chave que abría os corazóns e alentaba lembranzas felices, vividas tamén xunto aqueles que quedaron polo camiño pero que seguen presentes mentres teñamos memoria.
A maxia dun serán inesquecible tróuxonos tamén aos que, aínda que non subiron ao escenario, foron parte tamén da historia do grupo: Máire, Siobhán, Xabier, Chus e, sobre todo, Carlos Celeiro, o grande Morón, mestre e iniciador na nosa música tradicional de tantas xeracións de xoves.
Por compoñer a banda sonora da nosa mocidade, e tamén por este fantástico agasallo en forma de reencontro, grazas, Xorima!»
Paulo Naseiro